21 idiomas europeos en perigo de extinción dixital
Un estudo realizado por expertos en tecnoloxías lingüísticas advirte que a maioría de linguas europeas ten poucas probabilidades de sobrevivir na era dixital
A maioría das linguas europeas enfróntanse á extinción dixital, revela un recente estudo realizado por expertos europeos en tecnoloxías lingüísticas. Despois de avaliar o nivel de soporte co que contan 30 das preto de 80 linguas europeas, os expertos conclúen que o apoio dixital para 21 dos 30 idiomas investigados é “inexistente” ou “débil”, no mellor dos casos. O estudo foi realizado por META-NET, unha rede europea de excelencia que conta con 60 centros de investigación en 34 países.
O estudo, elaborado por máis de 200 expertos e documentado na serie de Libros Brancos META-NET (dispoñibles tanto en liña coma en papel), avalía o soporte tecnolóxico para cada idioma en catro áreas diferentes: a tradución automática, a interacción coa voz, a análise textual e a dispoñibilidade de recursos lingüísticos. Un total de 21 dos 30 idiomas (70%) sitúanse na categoría máis baixa, segundo a cal o soporte tecnolóxico é “débil ou inexistente” polo menos nunha das áreas, segundo os expertos. Varios idiomas, como o islandés, o letón, o lituano e o maltés, reciben a puntuación máis baixa nas catro áreas. No outro extremo do espectro, e aínda que non se considera que ningunha lingua goza dunha soporte “excelente”, só o inglés recibe “un bo soporte”, seguido do español que, xunto co francés, o alemán, o neerlandés e o italiano contan cun “apoio tecnolóxico moderado”. Por outro lado, o galego, o catalán e o éuscaro, xunto a outras linguas como o búlgaro, o grego, o húngaro e o polaco presentan unha situación de soporte “fragmentario”, o cal os sitúa tamén no conxunto de linguas de alto risco.
“Os resultados do noso estudo son moi alarmantes. A maioría das linguas europeas carecen dos recursos tecnolóxicos básicos e algunhas están abandonadas case por completo. Neste sentido, hai que dicir que moitas das nosas linguas non están aínda preparadas para o futuro”, manifesta o profesor Hans Uszkoreit, coordinador de META-NET, director científico del DFKI (Centro de Investigación Alemán para Intelixencia Artificial) e coeditor do estudo. Georg Rehm, o outro editor do estudo, engade: “Existen grandes diferenzas no soporte tecnolóxico que reciben as distintas linguas europeas. A brecha entre as linguas ‘grandes’ e ‘pequenas’ é cada vez maior. Temos que asegurarnos de que todas as linguas conten coas tecnoloxías básicas necesarias, pola contra estas linguas están condenadas á extinción dixital “.
O campo da tecnoloxía lingüística produce software capaz de procesar a linguaxe humana, xa sexa falada ou escrita. Os exemplos máis coñecidos de software lingüístico inclúen correctores ortográficos e gramaticais, asistentes persoais interactivos para “smartphones” (como Siri en iPhone), sistemas de diálogo telefónico, tradutores automáticos, motores de busca web e as voces sintéticas utilizadas polos sistemas de navegación GPS. Hoxe en día os sistemas de tecnoloxía lingüística baséanse fundamentalmente en métodos estatísticos que requiren cantidades moi grandes de datos. Obter a cantidade necesaria de datos resulta particularmente difícil para os idiomas cun número de falantes baixo, e iso reverte na escasa calidade de moitos sistemas estatísticos, como pode verse, por exemplo, nas traducións, a miúdo absurdas, producidos polos sistemas de tradución automática en liña máis populares.
Europa conseguiu eliminar case todas as fronteiras entre os países. Non obstante existe aínda unha fronteira que parece impenetrable: as barreiras do idioma, que impiden o libre fluxo de coñecemento e información. Esta fronteira tamén prexudica o obxectivo de establecer un mercado dixital único, xa que impide a libre circulación de bens, produtos e servizos. Tecnoloxías como a tradución automática, resultan esenciais para superar as barreiras do idioma. Non obstante, os resultados do estudo de META-NET mostran claramente que moitos dos idiomas europeos aínda non están preparados, debido entre outros factores a unha investigación pouco sistematizada e á falta de compromiso político e de recursos financeiros.
Fai falta un esforzo coordinado a grande escala en Europa para encher estes ocos e para facilitar a transferencia tecnolóxica entre as diferentes linguas. Hai razóns de peso para afrontar este inmenso reto de forma colectiva, nun esforzo que implique á Unión Europea, aos Estados membros e países asociados, así como á industria. Estas razóns inclúen o alto custo relativo destas tecnoloxías para as comunidades lingüísticas máis pequenas, a necesidade de transferencia tecnolóxica entre as linguas así como de de interoperabilidade entre recursos, ferramentas e servizos, e o feito real de que as fronteiras lingüísticas a miúdo non coinciden coas fronteiras políticas. Europa debe tomar medidas para preparar as súas linguas para a era dixital. Estas son un compoñente valioso do noso patrimonio cultural e, como tal, merecen un mellor futuro.
O 26 de setembro o Consello de Europa celebra o Día Europeo das Linguas, un día en que se recoñece a importancia de fomentar e desenvolver o rico patrimonio lingüístico e cultural do noso continente. O traballo de META-NET é un claro recordatorio dos desafíos e posibilidades aos que enfronta o noso patrimonio lingüístico nesta era da información.
Tecnoloxía Lingüística: situación actual
A tecnoloxía lingüística xa forma parte do noso ámbito cotián, cando escribimos correos electrónicos ou compramos entradas por Internet. Axúdanos cando facemos buscas por Internet e cando traducimos de forma automática unha páxina web; cando corriximos de forma automática un texto no noso procesador, cando utilizamos comandos de voz co noso teléfono móbil ou seguimos as indicacións do noso navegador GPS. Nun futuro próximo, poderemos dialogar de xeito natural con ordenadores, e mesmo aparatos domésticos. Onde esteamos, cando necesitemos información, sinxelamente pedirémola, e cando necesitemos axuda, solicitarémola en voz alta. A eliminación da barreira comunicativa entre persoas e máquinas cambiará o noso mundo.
A tecnoloxía lingüística constitúe hoxe en día unha das áreas clave de crecemento na tecnoloxía da información. As grandes corporacións internacionais como Google, Microsoft, IBM e Nuance fixeron investimentos substanciais neste área. En Europa, centos de pequenas e medianas empresas especializáronse en determinadas aplicacións ou servizos. Esta tecnoloxía permite ás persoas colaborar, aprender, facer negocios e compartir coñecementos por enriba das fronteiras lingüísticas e independentemente das súas habilidades informáticas.
A serie de Libros Brancos de META-NET
A serie de Libros Brancos de META-NET “As linguas na Sociedade da Información europea” informa sobre o estado de 30 idiomas europeos con respecto á tecnoloxía lingüística e explica os riscos e as oportunidades máis urxentes. A serie abrangue todas as linguas oficiais dos Estados membros da UE e outros idiomas que se falan en Europa. Se ben xa existen estudos científicos valiosos neste ámbito, ata agora non existía ningún compendio exhaustivo que presentase de forma sintética o estado da cuestión e os desafíos formulados para cada lingua con respecto ao soporte tecnolóxico dunha Europa multilingüe. Os 30 volumes desta serie enchen este baleiro. O estudo mostra por que a maioría dos idiomas se enfronta a problemas graves e identifica as deficiencias máis preocupantes. En total, máis de 200 autores colaboraron na preparación dos distintos libros brancos.
Cada volume da serie está dedicado a unha lingua europea das 30 que inclúe o estudo e consta dunha versión na devandita lingua e a súa correspondente tradución ao inglés. As linguas son: alemán búlgaro, catalán, croata, checo, danés, eslovaco, esloveno, español, estoniano, éuscaro, finés, francés, galego, grego, holandés, húngaro, inglés, irlandés, italiano, islandés, letón, lituano, maltés, noruegués (bokmål and nynorsk), polaco, portugués, romanés, serbio e sueco.
Acerca de META-NET e META
Meta-NET, unha rede de excelencia que consta de 60 centros de investigación en 34 países, ten como obxectivo a construción das bases tecnolóxicas da sociedade da información nunha Europa multilingüe. META-NET está cofinanciada pola Comisión Europea a través de catro proxectos.
Meta-NET está forxando META, a Alianza Tecnolóxica Multilingüe Europea. Máis de 600 organizacións de 55 países, incluídos centros de investigación, universidades, empresas pequenas e medianas, así como varias empresas grandes, xa se sumaron a esta alianza.